Castros de Lugo, en Albeiros e a Piringalla.


Castros de Albeiros e A Piringalla (sinalados con estrelas vermellas)


Actualmente coñécense polo menos dous castros situados na mesma cidade de Lugo, aínda que na súa periferia. Ambos os dous coñécense polo nome dos barrios lugueses nos que se localizan, o un o de Albeiros e o outro o da Piringalla.

O primeiro é mellor coñecido no lugar como A Croa, un topónimo galego que xa indica claramente a presenza no lugar dun castro, posto que “croa” (abreviación de coroa) alude á característica forma redonda dos castros.
Na actualidade esta croa está parcialmente ocupada por diferentes construcións, pero vese ben conservado aínda nun dos seus lados (ao S), onde pode observarse á perfección un profundo foxo flanqueado por dous grandes parapetos hoxe ben distinguibles dende o aire polo arborado que os percorre.


As liñas sinalan o contorno recoñecible da croa máis a situación
 do foxo situado entre arborados.
Imaxe do foxo entre o parapeto exterior e o da croa, 
máis elevado (posible muralla)


O castro da Piringalla, tamén coñecido como Castro de Marcelle, sitúase no lugar ben expresivo de Agra dos Castros. O grao de transformación deste espazo nos últimos tempos debeu ser considerable, posto que na actualidade non queda ningún rastro topográfico dun castro no lugar. Así o expresaron os arqueólogos que o escavaron logo de teren aparecido restos arqueolóxicos tras a realización dunhas obras relacionadas cos depósitos próximos destinados ao abastecemento de auga á cidade. De non se teren producido estas obras e a identificación deses restos, nunca se tería previsto a existencia dun castro entre estas hortas situadas xusto no límite do espazo urbanizado da cidade. Hoxe en día seguimos sen poder distinguir nada en superficie, posto que tras a súa escavación entre 2007-2008, os restos foron novamente soterrados para a súa protección.

Para os detalles desta intervención, ver Roberto Bartolomé Abraira. 2008. “Primeiras valoracións da intervención realizada na Agra dos Castros, Marcelle (Lugo)”. En Croa. Boletín da Asociación de Amtigos do Museo do Castro de Viladonga. Lugo (en liña: http://www.aaviladonga.es/adjuntos/1295352839.pdf)

Tamén o vídeo de Ramón Castro:

No hay comentarios: